LVTC and the ELC network achieve competitive funding

05/12/2017

Grupos de investigación das tres universidades galegas acadan máis de 600.000 euros nas axudas competitivas da Xunta (Xornal da USC, 05-12-2017)

As axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas do Sistema Universitario Galego resoltas recentemente deixan constancia do nivel de excelencia alcanzado pola Filoloxía Inglesa en Galicia. Así, a Xunta concedeu cinco importantes axudas a grupos de investigación das Universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo que suman máis de 600.000 euros acadados. Da USC recoñeceuse cunha axuda competitiva de 90.000 euros o labor do grupo ‘Variation, Linguistic Change and Grammaticalization’ (VLCG) que dirixe a catedrática Teresa Fanego. A ela súmase outra máis de 120.000 euros outorgada á rede de investigación ‘English Linguistics Circle’ (ELC) tamén coordinada pola profesora Fanego e que aglutina dende 2006 cinco grupos cunha ampla traxectoria internacional no ámbito da lingüística teórica e aplicada e a psicolingüística. Ademais de VLCG forman parte desta rede os grupos ‘Language Variation and Textual Categorisation’ (LVTC) e ‘Deseño de modelos e materiais didácticos para o ensino-aprendizaxe de linguas estranxeiras’, ambos da UVigo; e os da USC ‘SPERTUS – Spoken English Research Team’ e ‘Procesos Cognitivos e Conduta’ que coordinan respectivamente Ignacio Palacios e Isabel Fraga Carou. Asemade, os grupos ‘Investigación en Estudos Literarios e Culturais, Tradución e Interpretación’ (BiFeGa) e LVTC da UVigo, coordinados respectivamente por Belén Martín Lucas e Javier Pérez Guerra, obtiveron axudas por un valor de 290.000 euros. Da UDC, a rede Lingua e Literatura Inglesa e Identidade III que dirixe a profesora María Jesús Lorenzo Modia conseguiu 120.000 euros. 

Todos estes grupos de investigación aglutinan a práctica totalidade do persoal investigador de Filoloxía Inglesa de Galicia e participan no Máster Interuniversitario en Estudos Ingleses Avanzados e as súas Aplicacións (iMAES) que coordina desde a USC a profesora Teresa Fanego, e no Programa de Doutoramento Interuniversitario en Estudos Ingleses Avanzados (Idaes), coordinado por Margarita Estévez Saá. Ambos títulos renovaron o pasado curso a acreditación, con moi boas valoracións por parte da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia. 
Para a profesora Fanego, estes logros poñen de manifesto que “as tres universidades galegas contan cun cadro de docentes e investigadores de Filoloxía Inglesa que ofrecen unha formación que permite ao seu alumnado egresado contribuír de modo moi significativo aos sectores da información e coñecemento, así como ao sector produtivo e de servizos”.